
Formálizase a creación da Axencia Galega de Innovación
OBSERVATORIO DE CALIDAD 12-01-2012
O
Goberno galego aprobou na súa reunión de hoxe o decreto de creación e de
estatutos da Axencia Galega de Innovación (AGI), un novo organismo autónomo
adscrito á Consellería de Economía e Industria que permitirá optimizar a
eficiencia e xestión das políticas de I+D+i. O novo organismo, que entrará en
funcionamento no prazo de dous meses segundo o marco temporal establecido, asumirá
como punto de partida as competencias da actual Dirección Xeral de
Investigación, Desenvolvemento e Innovación, xestionando o Plan Galego de
Investigación, Innovación e Crecemento (i2C).
O
obxectivo fundacional da nova Axencia é fomentar e vertebrar as políticas de
innovación nas administracións públicas galegas e impulsar o crecemento e a
competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias
e programas de innovación eficientes. Neste sentido, ademais de liderar as
políticas de innovación da Xunta de Galicia, a AGI centrará os seus esforzos no
fomento de estratexias de valorización do coñecemento desenvolvido polas
empresas, universidades e centros tecnolóxicos e de investigación; na promoción
das dinámicas de colaboración entre os axentes do Sistema Galego de Innovación;
no impulso á internacionalización dos axentes e dos seus logros en materia de
I+D+i; e na captación e xestión de talento innovador.
A creación da AGI, que contará con personalidade xurídica, patrimonio e tesouraría
propios, responde ao compromiso adquirido nesta lexislatura pola Xunta de
Galicia de establecer un réxime de actuación en materia de I+D+i baseado na
xestión transparente por obxectivos, apoiándose no cumprimento de indicadores
claros, medibles e orientados cara á mellora na prestación do servizo, sobre
todo en termos de eficiencia no binomio recursos-resultados.
Entre os obxectivos inmediatos que a AGI abordará no seu primeiro ano de
existencia están o incremento da participación en programas nacionais e
internacionais de I+D+i por parte dos axentes galegos e o apoio á creación de
empresas de base tecnolóxica e de empregos no marco do Sistema Galego de I+D+i
ou na homologación de axentes de valorización do coñecemento e de axentes de
dinamización de proxectos innovadores en colaboración.
Tamén se impulsará a articulación de proxectos de innovación que impliquen a
cooperación entre diferentes axentes e traballarase na divulgación dos
resultados da investigación financiada con fondos galegos e na difusión dos
instrumentos de protección industrial (patentes e outros).







