Eurostat revela que a penetración da banda larga entre as empresas españolas superaba, hai un ano, en 11 puntos a media europea.
Eurostat, a oficina
estatística da Unión Europea, vén de publicar unha enquisa sobre as
Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) entre as empresas de dez ou
máis asalariados/a dos Estados Membros da EU27, Croacia e Noruega. Segundo este
estudo, realizado en xaneiro de 2009, o 93% das empresas de dez ou máis
asalariados/as da UE27 tiña conexión a Internet e o 82% das empresas europeas
tiña conexión a Internet a través de banda larga.
As porcentaxes máis altas de empresas con conexión a Internet da UE27
corresponderon a Finlandia (100%), Dinamarca, Austria e Eslovaquia (todos cun
98%) e Alemaña (97%). A porcentaxe foi inferior ao 90% en só seis Estados
membros: Romanía (72%), Bulgaria (83%), Letonia e Hungría (ambas as dúas cun
87%), Chipre (88%) e Grecia (89%).
A porcentaxe de empresas con conexión de banda larga en xaneiro 2009 na UE27
situouse por riba do 90% en Finlandia (94%), España e Malta (ambas as dúas cun
93%) e Francia (92%). Así, a conexión á Rede a través de banda larga entre as
empresas españolas de dez ou máis asalariados/as supera en 11 puntos
porcentuais á media europea. Só en Romanía (40%), Lituania (57%) e Polonia
(58%), a porcentaxe de empresas con banda larga estaba por baixo do 60%.
Máis dun terzo da facturación do
comercio electrónico provén do exterior.
O estudo de Eurostat lembra que, entre outros usos, a conexión a Internet
permite ás empresas comprar e vender os seus produtos en liña. En 2008, o
comercio electrónico
xerou o 12% da facturación das empresas da UE27. Non obstante, esta porcentaxe
varía significativamente entre os Estados membros da UE27.
As porcentaxes máis altas corresponderon a Irlanda (26%), Finlandia e Suecia
(ambos as dúas cun 18%), a República Checa, Alemaña e o Reino Unido (todas cun
15%), Hungría (14%) e Francia (13%). No caso das empresas españolas, a
porcentaxe de facturación xerada polo comercio electrónico situouse no 9%, 3 puntos
porcentuais por baixo da media europea. As porcentaxes máis baixas
rexistráronse en Bulgaria e Chipre (ambas as dúas cun 1%).
Na UE27, tres cuartos da facturación do comercio electrónico (73%) procede do
propio país, un 19% doutro Estado membro da UE27 e un 8% de fóra da UE27. A
porcentaxe máis alta de facturación do comercio electrónico procedente do
propio país corresponde Letonia (88%), seguido de Bulgaria (85%), o Reino Unido
(83%), Grecia e Francia (ambas as dúas cun 82%) e España (81%).
A porcentaxe máis alta de facturación do comercio electrónico con outro Estado
membro corresponde a Hungría (60%), seguida de Chipre (51%), Eslovaquia (44%) e
Irlanda (39%). Este indicador acadou un valor do 15% entre as empresas do
Estado español.
A porcentaxe máis alta de facturación do comercio electrónico procedente dun
país non pertencente á UE27 rexistrouse nas empresas de Malta (56%), Eslovaquia
(34%), Irlanda (23%) e Chipre (20%). En España, a porcentaxe de facturación do
comercio electrónico procedente dun país non pertencente á UE27 descende até o
5%.
O uso da Identificación por
Radiofrecuencia
Eurostat revela ademais algúns datos sobre o uso da Identificación por
Radiofrecuencia por parte das empresas da Europa dos 27. En xaneiro de 2009, o
3% das empresas de 10 ou máis asalariados/as empregou a tecnoloxía RFID . Os
Países Baixos (9%), Finlandia (8%), Alemaña, España, Austria e Eslovaquia
(todos cun 4%) rexistraron as porcentaxes máis altas de empresas que utilizan
RFID e Grecia, Chipre e Romanía (todos cun 1%) as máis baixas.
Esta tecnoloxía foi utilizada maioritariamente polas empresas da UE27 para a
identificación de persoas ou controis de acceso (56%), para o seguimento e
control da cadea de subministros e de inventarios (29%), para sistemas de pago,
por exemplo peaxes de autoestrada, (25%), para identificación de produtos
(24%), para a observación e control da produción industrial (21%) e para a
xestión do servizo e mantemento da información e xestión de activos (15%).








